Concello da Capela: rutas turísticas
Ruta do Forgoselo:
O sendeiro ten como punto de partida o Curro do Forgoselo. Saíndo dende As Neves, para chegarmos ó Curro, hai que coller o desvío cara a Vilardemouros e Calzados. Pásase pola capela das Neves, Os Picos, Cobos, Barbela e Os Calzados. Ós 3,3 km. chégase a unha intersección e séguese ata Ameneiro, atravésase un paso canadense e chégase a uns portóns metálicos, aquí o camiño ata o Curro está indicado como 'lugar de lecer'.
Comeza o sendeiro no Curro do Forgoselo dirección nordeste, preto do cercado. Altérnanse zonas de pasto, toxo, queirogas... Sóbese unha lomba, atravésase un piñeiral e continúase ata chegar a un alto onde se pode ver parte da serra. Pásase por un grupo de eucaliptos (un dos poucos que hai na parte alta da serra e os únicos que atoparemos en todo o percorrido). Situados na Pena dos Tres Pés curiosa pedra capricho da natureza e a erosión, pódese ver unha grande pradería dedicada á cría e engorde dos xatos do Forgoselo; dende a Pena dos Tres Pés vólvese ó Curro.
Sáese do Curro cara á estrada de A Capela, na intersección cóllese á esquerda por unha pista de terra ata chegar a unha explanada da que parte unha senda á dereita, séguese ata chegar a Pico Ventoso, para subir ó cumio (pouco desnivel) hai que desviarse á esquerda. Báixase ata o camiño e por pista de terra vaise ata Campos Verdes. Manténdose neste camiño chégase á estrada de A Capela; cara á dereita (dirección ó Curro) vese o Racamonde.
Proséguese pola estrada que vai ó Curro, hai unha desviación á esquerda coa indicación cara ó Parque Eólico do Forgoselo. É a pista que vai cara a Racamonde, a vista é impresionante: contémplanse gran parte da serra, a zona das Pontes, o mar cara o leste, as rías de Ferrol e de Ares... Hai ademáis un panel informativo e un vértice xeodésico. Vólvese pola mesma pista ata chegar á estrada asfaltada. Cóllese á esquerda e continuando paralelos ó cercado chégase de novo ó Curro.
(Ruta deseñada polo Clube Montaña Ferrol)