Concello da Capela
A Casa do Concello
Ó trasladarse a capitalidade do Concello da Capela dende as Felgueiras ata As Neves, construiuse unha nova Casa Consistorial segundo proxecto redactado no ano 1978 por Xosé Luís Martínez Suárez e Xosé Manuel Casabella López. O edificio defínese por comentaristas da arquitectura como un elemento de ruptura no núcleo rural valorándose deste xeito moito máis o seu carácter representativo, considerase o edificio como un mero exemplo da arquitectura do século XX, á vez que recorda nalgún dos seus elementos como as galerías, a tradicción arquitectónica galega.
O Escudo
O Concello dispón de escudo oficial aprobado polo Decreto 334/1998 do 12 de novembro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, o blasonamento leva como figuras o báculo e o cinto de San Rosendo, monxe que fundou o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro no século X, baixo a regra de San Benito. Asimesmo incorpórase na parte superior un Xefe con tres estrelas en alusión ás tres parroquias que configuran o municipio, na actualidade. Remata o escudo unha coroa real pechada.
Dependencias da Casa do Concello
Na primeira planta sitúanse o Salón de Sesións, a Alcaldía, Secretaría, Oficina Técnica e Oficina da Traballadora social .
No entrechán, atópanse as oficinas municipais de atención ó público, Axencia Municipal de Lectura e vestíbulo.
O soto do edificio dispón dun Salón de actos, con capacidade para 100 persoas, así como o arquivo municipal.